lunes, 4 de octubre de 2010

CASTRO DE FORNELO

O CASTRO DE FORNELO:

Este castro localízase na franxa costeira da parroquia de San Xoán de Piñeira, no lugar coñecido como Os Castros. Está a unha altitude duns 10 – 15 metros e dista 5.200 metros do castro de Meirengos e 2.400 metros do Castro das Grobas, o que nos da idea da interrelación e convivencia que debeu haber entre ambas poblacións.

O xacemento de Piñeira está emprazado nun promontorio facilmente visible dende a costa e dende a terra. Diante do promontorio está a Illa do Castro ou Ínsua de Fornelo que seguramente tivo que estar relacionada co asentamento castrexo. Este promontorio conecta coa liña costeira a través dun estreito istmo que debeu facilitar moito a defensa do recinto. Ademais, a natureza do emprazamento fai que estea perfectamente defendido nas orientacións norte, leste e oeste, quedando a orientación sur reservada para as defensas artificiais. Ten unha superficie de 1,75 Ha e pertence á Idade de Ferro e Romana. A propiedade é de carácter público, xa que forma parte da masa común da concentración parcelaria e conta coa protección de estar afectado por Costas como zona de reserva de litoral.

A relación co tráfico marítimo a pequena escala non é seguro,
pero parece case seguro que se levaron a cabo actividades de pesca e marisqueo que se complementarían con actividades agrícolas e gandeiras.

As defensas pódense apreciar bastante ben no sector leste, onde podemos ver un sistema defensivo composto por dous fosos excavados na rocha que se alternan con tres parapetos que van rodear practicamente toda a orientación sur do xacemento. Así, no sector sueste do castro as defensas parecen estar bastante
ben, xa que os parapetos conservan as maiores alturas. No sector suroeste, as defensas parecen bastante máis alteradas, conservándose ben o parapeto exterior.

Nas proximidades do castro, polo suroeste, corre un regato, conocido co nome de Río do Couto ou de Espadanal, que hoxe sirve de deslinde entre as parroquias de Piñeira e Vilaframil e do cal os habitantes do castro se abastecerían de auga. Tamén preto deste asentamento, existe unha fosa labrada na roca conocida popularmente como “ Maseira ”,

Cabe destacar que en moitos lugares de Galicia e Portugal as mámoas eran coñecidas co nome de Forno, de onde derivou o nome de Fornelo, o que evidencia que en tempos pasados houbo no lugar un monumento megalítico ou dolmen.

Etimolóxicamente, “fornelo” é un nome que deriva do latín “fornus” ó que se engade o diminutivo despectivo “-ullus”, que en galego da “-elo”, dando lugar a “fornullus” en latín e “fornelo” en galego, para referirse con este vocablo a un forno pequeno e sen importancia.

Neste castro temos noticias da aparición de fragmentos de cerámica común indíxena e de terra sigillata, toda ela aparecida en superficie.

Como curiosidade, resaltar que algunhas persoas maiores do lugar que tiñan parcelas no castro recordan algúns achádegos coma un torques de ouro, que eles identificaron como unha “asa”.



No hay comentarios:

Publicar un comentario